O ASENTAMENTO DA PEDRA DO SAL




Atopámonos na orla costeira bergantiñana do Concello de Carballo, no punto onde a Lagoa de Baldaio se abre ao mar entre dunas e areais, nun contexto excepcional de grandes valores paisaxísticos, naturais e ambientais.

Aquí xurdiu na década dos anos 70 o asentamento da Pedra do Sal, en base ao interese vacacional sobre as praias e a segunda residencia, onde antes só houbera unha antiga casa de baños e a actividade de recollida do sal depositado polo mar. O crecemento do núcleo foi continuo ata a actualidade, acadando unha centena de vivendas e un pequeno desenvolvemento turístico asociado aos campings.

O asentamento, hoxe recoñecido como núcleo rural na ordenación municipal, tivo un desenvolvemento de carácter espontáneo, o que deixou carencias na súa estrutura, dotacións, configuración e integración no medio natural e na paisaxe. Ao tempo, a considerable afluencia de visitantes e vehículos atraídos no verán polos areais, ven exercer unha elevada presión sobre os nomeados valores do medio.

Para dar resposta axeitada a estes desaxustes territoriais, o Concello de Carballo aborda hoxe a redacción dun instrumento de planeamento (Plan Especial) que, en conformidade co PXOM e coas diferentes normativas sectoriais e instrumentos de ordenación do territorio, permita reorientar a situación.

Preténdese, deste xeito, mellorar as características e integración do asentamento e procurar a compatibilidade entre a preservación dos valores e o uso racional e respetuoso do territorio como patrimonio colectivo, o cal só será posible abordando os diferentes aspectos da sustentabilidade: patrimonio natural e cultural, paisaxe, sociedade, economía, ocupación so solo , mobilidade, servizos urbanos, metabolismo urbano, cambio climático, xestión e participación cidadá.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

ÁBRESE O PERÍDO DE INFORMACIÓN PÚBLICA E PRAZO PARA PRESENTAR ALEGACIÓNS

XORNADAS INFORMATIVAS APROBACIÓN INICIAL OUTUBRO 2021

RESUMO DA XORNADA INFORMATIVA DO 06-02-20